Aquí, agora e aceleradamente

 

«O máis urxente é o de agora e o de aquí; no momento que pasa e no reducido lugar que ocupamos están a nosa eternidade e a nosa infinitude».

(Unamuno, Vida de Don Quijote y Sancho, 1905)

1. Considerado como fenómeno histórico en sentido estrito, pois poderiamos remontarnos aos asentamentos neolíticos nos que hai aproximadamente dez milenios tivo lugar a revolución agrícola, e mesmo ao paleolítico, cando os primeiros homínidos dominaron o lume, o proceso de aceleración social, cultural e tecnolóxica a cuxo paroxismo asistimos na actualidade iniciouse coa creación do alfabeto fonético e intensificouse exponencialmente coa sucesiva invención da imprenta (1440) e do telégrafo (1844). Esta sería, polo menos, a tese defendida polo máximo profeta da era electrónica, Marshall McLuhan. Xa Valéry afirmaba en 1943: «A brillante e deplorable carreira de Europa por legar ao mundo a ciencia positiva e o triste exemplo da primacía da riqueza prodúcese entre o século VI antes da nosa era e o século XX. Moi de vagar ao comezo, de forma acelerada a partir do século XV e con velocidade frenética desde 1800». O poeta e pensador francés non ignoraba o dato decisivo de que a difusión da escritura alfabética e a expansión da moeda son acontecementos simultáneos que culminan arredor do século VII a.e. Conste, emporiso, a obxección de Lévi-Strauss: «No neolítico, a humanidade deu pasos de xigante sen o auxilio da escritura; con ela, as civilizacións de Occidente estancáronse durante moito tempo» (1955). George Steiner sinala á súa vez: «A Revolución francesa e as guerras napoleónicas apresuraron o ritmo do tempo. Quen viviu entre 1790 e 1815 experimentou ese tempo como algo formidablemente acelerado» (1971). O feito de que Volta, ao que Napoleón outorgou o título de conde, descubrise a pila eléctrica en 1800 non é seguramente alleo á celeridade dese cuarto de século. Porén, media centuria antes, coincidindo coa cuñaxe do lema máis representativo do capitalismo —«o tempo é diñeiro» (Benjamin Franklin, 1748)—, comezárase a xeneralizar o uso do reloxo de peto.

 

2. Hai xustamente cen anos, Einstein formulou a hipótese dunha forza contraria á gravidade —a célebre «constante cosmolóxica»— que impediría o universo, estático segundo as concepcións da época, contraerse baixo os efectos da atracción gravitacional. En 1929, ao se descubrir que vivimos nun universo en expansión, o físico xermano-xudeu-helvético-estadounidense desbotou a súa conxectura. Con todo,  en 1998, ao se constatar que non só habitamos un universo en expansión, senón en expansión acelerada, a constante cosmolóxica, rebautizada como «enerxía escura», foi recuperada para identificar a forza responsable de as galaxias se afastaren entre si cada vez a máis velocidade (inflación cósmica). Con que ollos contemplan os astrofísicos semellante panorama? «Un universo que se acelera indefinidamente non é en absoluto un bo agoiro» (Witten). «Un universo que se acelera é o peor posible, tanto no tocante á calidade como á cantidade» (Krauss). A forza repulsiva da enerxía escura vai exercer unha presión tan extrema que ha esgazar as galaxias. Corolario: dentro de 7.590 millóns de anos, a Terra ha ser engulida polo Sol. Non hai futuro ao longo prazo. E ao curto?

3. Inmediatamente despois dos bombardeos atómicos que puxeron fin á segunda guerra mundial, o termo stress, procedente da Física, eido no que designa a resistencia ou fatiga de materiais, aparece de socate no vocabulario médico. En 1947 —o mesmo ano no que Adorno e Horkheimer declaran que «no capitalismo avanzado, o lecer é a prolongación do traballo»—, o antropólogo, lingüista e cibernético británico Gregory Bateson proclama: «O mundo diríxese cara ao inferno a gran velocidade, cunha aceleración positiva e un incremento tamén positivo da aceleración». O cineasta e inventor granadino José Val del Omar afirma en 1974: «Érguenos a meirande onda de aceleración coñecida na historia da humanidade; desde o seu punto máis alto pódense ver o paraíso e o inferno». Unha década máis tarde, o «estrés» cobrou tal carta de natureza que para o médico e ensaísta norteamericano Lewis Thomas non pasa de ser unha mera «descrición da condición humana». En 2013, o sociólogo e politólogo alemán Harmut Rosa recapitula: «O drástico incremento de casos de depresión e esgotamento parece constituír unha reacción á sobrecarga temporal ou aos elevados niveis de estrés impostos pola sociedade moderna».

4. «A aceleración social —continúa Rosa— está a piques de traspasar determinadas lindes, alén das que os seres humanos fican necesariamente alienados.» Existen razóns para sospeitarmos que ese punto de non retorno xa foi franqueado. «Non é que o tempo se estea esgotando. O tempo xa se esgotou!», exclamaba Malcolm X un ano antes de que o afuracasen de morte en Nova York. Ivan Illich reiteraba en 1988: «O tempo dos seres humanos acabouse. Hai moito que se acabou. Saber que non temos futuro é unha condición necesaria para reflexionarmos». Malia todo, o filósofo Francisco Jarauta discorría nas vésperas da recente crise financeira: «Aumentan as incertezas e non hai respostas para a ansiedade. Acumúlanse os riscos, os desastres, os brotes incontrolables e insoportables. Vivimos un proceso inédito de aceleración dos cambios. Que modelo de resistencia debemos construír?». Os acontecementos do último decenio non deixan lugar á dúbida. Non é que nos vaiamos esnafrar. O accidente —moral e corporal— xa aconteceu. Nós, cidadáns desacougados e histéricos da sociedade tardocapitalista, somos o mellor testemuño diso. Virilio predixo en 1997: «A cara oculta da capitalización é a aceleración. Onte, a dos transportes; hoxe, a das informacións. Mañá habemos asistir ao accidente de accidentes: o accidente do tempo. Acadada a barreira da aceleración, a historia bate por vez primeira cun límite cronolóxico». Hai porén outro factor que ninguén parece ter en consideración: a aceleración demográfica. Ninguén agás, naturalmente, o mestre de mestres Lévi-Strauss, que en 1961 puntualiza: «Esa sorte de impotencia do home ante si propio obedece en grande medida á enorme expansión demográfica das sociedades modernas. A incapacidade na que nos achamos responde á extraordinaria masa humana no seo da cal moramos. Tendemos cada vez máis cara a unha civilización mundial, e esa nova magnitude fai incontrolable a sociedade humana». Os 3.000 millóns de persoas que daquela poboaban a Terra tornaron hoxe 7.500.

5. É posible que fenómenos tan aparentemente dispares como a expansión acelerada do Universo e a aceleración do ritmo de vida no noso planeta estean relacionados? Sería desorbitado estabelecer unha correspondencia directa ou indirecta entre a inflación cósmica e o estrés clínico? Fernando Aramburu achegaba en 2008 unha resposta mordaz: «Ao cosmos non lle queda outra ca expandirse. Como podería, se non, abranguer a estupidez incesante da especie humana?». Oito anos despois, Martí Peran, autor de Indisposición general: Ensayo sobre la fatiga, expresaba abertamente a súa perplexidade: «A hipótese dunha probable expansión infinita do universo, que provocaría a súa irreversible morte térmica, case non nos asombra e moito menos nos espanta». Nun exercicio de pedagoxía etimolóxica, o crítico de arte catalán explicaba o significado orixinario do infinitivo latino fatigare: cabalgar até extenuar os cabalos. Na sociedade dixital, os cabalos desapareceron da escena, mais o espazo electrónico favorece unha vertixinosa dispersión que acurta os prazos do suxeito ansioso e deprimido pola exixencia competitiva e a sobreexplotación de si propio. Que facer? Segundo Peran, é perfectamente lícito «retirarse e desligar as terminais». 

6. Ao longo do primeiro lustro da década de 1960, o profesor de literatura e teórico da comunicación Marshall McLuhan (1911-1980) foi debullando as súas clarividentes análises: «Na nova era electrónica, o mundo comprimiuse baixo un torrente informativo que o atravesa en todas as direccións. Vivimos, imos dicir, nunha aldea universal. As novas chegan até nós  desde todas as partes con celeridade electrónica (...) Os medios substitúen o concepto de «unha cousa por vez» polo de «todo de vez». O desprazamento da información a unha velocidade próxima á da luz converteuse na meirande industria mundial» (Report on Project in Understanding New Media, 1960; «Hot & Cool», 1967). «Agora non só podemos vivir á maneira de anfibios en mundos divididos e distintos, senón plural e simultaneamente en moitos mundos e culturas (...) A membrana cósmica disposta arredor do planeta pola dilatación eléctrica dos nosos sentidos crea o que Teilhard de Chardin chama «noosfera» ou cerebro tecnolóxicos do mundo. No canto de evolucionar cara a unha enorme biblioteca de Alexandría, o mundo tornouse un computador, un cerebro electrónico, exactamente coma nun relato de ciencia ficción. E a medida que os nosos sentidos saíron de nós, o Gran Irmán entrou no noso interior. Mentres tomamos conciencia desta dinámica, ingresamos rapidamente nunha fase de terror pánico que corresponde a un mundo pequeno de tambores tribais» (The Gutenberg Galaxy. The Making of Typographic Man[1], 1962). «Após tres mil anos de explosión, o mundo occidental entrou en implosión. Ao cabo de máis dun século de tecnoloxía eléctrica, estendemos o noso sistema nervioso central até abranguer todo o globo, abolindo tempo e espazo (...) Vostede xa non pode ir para a casa» (Understanding Media. The Extensions of Man, 1964).

7. Rosa define precisamente o sentimento ou concepto de alienación como «o contrario de se sentir na casa». E advirte: «Na súa forma actual totalitaria, a aceleración social conduce a formas de alienación graves e empiricamente observables, que poden ser consideradas como o obstáculo principal para a realización dunha boa vida». Por exemplo: o tempo medio de sono diminuíu dúas horas desde o século XIX, e trinta minutos entre 1970 e 1999. Primeira conclusión: a velocidade non é o noso fogar; segunda: a máis velocidade, menos autonomía. En 1969, durante unha famosa entrevista concedida á revista Playboy, McLuhan preconiza: «O derrubamento de valores sociais como o dereito á privacidade e á dignidade do individuo reflicte toda a nosa alienación (...) A medida que os medios eléctricos transforman o home, todos nos convertemos en pitiños que corren atrás das nosas identidades anteriores, e nese proceso libérase unha violencia tremenda. Serán habituais as crises mentais, incluídas as de sociedades enteiras incapaces de resolver as súas crises de identidade. Non é un período fácil, especialmente para a xente nova, que, a diferenza dos seus maiores, non se poden refuxiar no trance zombi de narcose narcisista que paraliza o estado de shock inducido polo impacto dos novos medios (...) Todas as tecnoloxías ou extensións previas eran parciais e fragmentarias, mentres que a eléctrica é total e inclusiva. O ser humano está comezando a usar o cerebro fóra do seu cranio e os nervios fóra da súa pel (...) Ningún cidadán pode fuxir dese impetuoso ataque, xa que non hai, literalmente agocho algún (...) Os medios eléctricos están desintegrando a estrutura enteira da sociedade (...) Vaise tornar inevitable a información electrónica nos sacudir a todos coma cortizas na mar bravía».

“Presente”, de la serie PALABRAS (2016). Mireia Sentís. 

8. Acelerar quere dicir facer máis cousas en menos tempo e, xa que logo, peor. A despeito das impresionantes taxas de innovación tecnolóxica, o universo das nosas tarefas cotiás expándese a máis velocidade do que a nosa dilixencia permite asumir. Como observa Rosa, á fin de cada día estamos máis atrasados do que ao comezo. A lóxica da competencia, gobernada polo curto prazo do capitalismo financeiro e da banca inversora, non é o único, mais si o principal motivo dese «estancamento hiperacelerado»: «O xogo de aceleración impulsado pola competitividade mantennos encerrados na roda do hámster que xira cada vez máis rapidamente». Oco-autor de Aceleración y alienación(2016)mostra a súa profunda estrañeza polo feito de que non exista debate, nin moral nin político, tocante aos dictados da velocidade: «As nosas opcións aumentan incesantemente, mentres que as nosas capacidades reais descenden (...) Compensamos o consumo non realizado cun aumento das compras. Isto é bo para a economía, pero é malo para a vida». Baixo a superficie dinámica, Rosa detecta a esclerose cultural e estrutural da nosa era: «Se os que están ben equipados e compiten desde lugares de privilexio teñen de correr para ficar no xogo, quen partiren con algún tipo de déficir configuran o que se deu en chamar precariado». Máis unha vez, McLuhan anticipárase: «Nas épocas de innovación tecnolóxica é doado observar un estado permanente de rigor mortis ou de sonambulismo» (1964). «Cando inventamos unha tecnoloxía convertémonos en caníbales. Devorámonos vivos, porque cada nova tecnoloxía é unha mera prolongación de nós propios. A nova contorna conformada pola tecnoloxía eléctrica é antropófaga e devora a xente. Para sobrevivirmos, debemos estudar os hábitos dos caníbales» (1967). E no seu último libro,Laws of Media (1988), editado postumamente, consigna: «Na era eléctrica, a alteración da identidade humana privou a poboacións completas de valores personais ou comunais nun grao que excede as carencias de comida e enerxía». 

9. A présa e a urxencia existiron sempre. Xa no século IV a.e., Menandro metía o dedo na chaga: «Non teñas présa por ser rico, para non facerte rapidamente pobre». Non é casualidade que Einstein designase a constante cosmolóxica das súas ecuacións coa letra grega Lambda. Todo comeza embaixo dos ceos escuros —ler, sen contaminación lumínica— do Mediterráneo oriental. Comeza cando a bóveda celeste, perenne destinataria da interrogativa ollada dos seres humanos, desliza na súa conciencia unha grandiosa intuición: a norma do cosmos rexe tamén no interior de que observar; o home é un microcosmos. Que admirable espectáculo debeu de ofrecer aos primeiros filósofos o firmamento, tendo en conta, como agora sabemos, que se foi afastando inexorablemente de nós. «A alma humana non é maior do que un simple punto, e sobre el gravitan a forma e o carácter do ceo enteiro», asegura Kepler, o fundador da astronomía moderna. «Calquera axitación local conmove o universo enteiro», corroboraba o matemático e filósofo angloestadounidense Whitehead. «As fibras máis íntimas do complexo humano confúndense coa trama mesma do Universo», afirmaba Val del Omar. En 2008 inaugurouse en Xenebra o acelerador de partículas máis potente da historia; o seu obxectivo, acceder aos últimos segredos do Universo. Un ano máis tarde, a prensa científica internacional transmitía a nova de que a nosa galaxia xira a máis velocidade do que se cría: o sistema solar desprázase en torno a ela a unha velocidade de 960.000 quilómetros por hora, superior en 160.000 ao cálculo anterior. A présa e a urxencia sempre existiron. Agora, porén, falamos doutra cousa: de algo para referirse ao que é posible, como aventura Rosa, que as palabras teñan tornado lentas de máis.

 



[1] A galaxia Gutenberg. A creación do home tipográfico. USC, 2010

Etiquetas : tecnología
Artículos relacionados