As aplicacións do amor

  1. ESTATÍSTICA E HETEROSEXUALIDADE

 Ás dúas da madrugada dun sábado, probablemente da madrugada máis misántropa da miña vida, o móbil soa cunha notificación cantareira. Martin, 27, mandoume unha mensaxe. «Hey, what’s up?». Non coñezo a Martin, nin sequera chateei con el antes. Xurdido das brétemas da compatibilidade en Tinder, pode que estea interesado en saber como me trata a vida ou que queira coñecer a miña dispoñibilidade para o encamar nas horas seguintes. Se fosen as cinco da tarde, tería claro que Martin quere percorrer o camiño que vai da conversa persoal ao encamamento; pero está claro que, en canto a filosofía da linguaxe, son pragmatista e o contexto importa. Creo que preferiría que Martin, 27, a 3 km de distancia, comezase o seu contacto nocturno cun cordial: «Hey, wanna fuck?». Aínda que tamén sospeito que o cabaleiro maximiza as súas posibilidades de éxito con respecto ás damas se elixe a expresión pudorosa. O certo é que non sei nada de Martin: non sei se os seus movementos me resultan atractivos, non sei se a súa personalidade me provoca sensualidade ou aburrimento. Así que, no fin de contas, a miña resposta depende das miñas ganas de foder nese momento. Martin e mais eu tivemos mala sorte porque me escribiu nunha madrugada, como digo, moi misántropa, así que non contestei. 

Pode que perdera a oportunidade de coñecer unha persoa marabillosa que me puido facer feliz esa madrugada ou a vida enteira. En realidade, iso é o que sucede cada vez que deslizas o dedo cara a esquerda sobre un perfil novo. E, en realidade, esa oportunidade non está tan perdida se ningún dos dous cancela a compatibilidade. Puiden escribirlle á mañá seguinte ou aos cinco días ou un mes máis tarde. A compatibilidade en Tinder non é unha liña temporal de aventuras amorosas, senón unha lista de parellas perpetuamente potenciais. Ademais, os números danme vantaxe: os homes heterosexuais premen no corazonciño verde sobre o 46% dos perfís que ven, mentres que as mulleres concedémoslle o noso favor ao 14% dos candidatos. Se me apetece coñecer alguén, se unha noite quero mitigar a (desencantada, esencial) soidade do millenial, podo montar un plan en menos de vinte minutos. Diso vai a cultura do encontro casual, a hook-up culture, non é certo? Ademais, o mundo virtual facilítalles ás mulleres unha maior marxe de decisión respecto aos encontros na vida real. En realidade, a diferenza estatística entre homes e mulleres apunta a que a desigualdade, coma a procesión, vai por dentro. Como vixiados polo ollo das expectativas de xénero, eles recoñecen o atractivo de case a metade das candidatas, mentres que nós non lle dariamos unha oportunidade nin a un de cada seis pretendentes. Necesitamos máis elementos para que alguén nos guste.

2. MEU AMOR, FALEMOS, QUE AÍNDA NON AMENCE

Cinco fotos. Unha descrición (ou a ausencia dela). Páxinas de Facebook en común, fotos en Instagram, música en Spotify. Isto somos, mesmo isto procuramos. Nunha primeira ollada, xa sabemos cal é a nosa afinidade cultural, así que podemos deixar que boten a andar os nosos prexuízos. Ou non, se a persoa da foto é especialmente bela ou se nos fai lembrar a alguén que nun momento dado nolo pareceu. Sucede algo parecido coas afeccións ou o paragrafiño, opcional, que se pode engadir no perfil: acabo deslizando o dedo á dereita porque a el tamén lle gusta Futurama ou porque el tamén fai ciclismo. Pode ocorrer, non é descartable, que unha tarde nos sintamos aventureiros e procuremos parellas exóticas, fantasiando con adquirir novos fetiches ou tratando de desactivar os fetiches vellos. O segundo criterio é o exacto negativo do primeiro. Ás veces queremos volver ao pasado e ás veces queremos fuxir del, aínda que sempre é a nosa imaxinación a que está soa fronte á pantalla.

De modo que o ollo que mira e a man que toca a pantalla van cargados de historia e cultura. A descontextualización espazo-temporal das aplicacións para atopar parella non elimina os estándares de desexabilidade: os rapaces presumen de estatura (en Grindr prefírense os rapaces «masculinos») e as rapazas non dicimos nada de nós mesmas. Este canon, chamémoslle normativo, é contestado unicamente por unha fantasía persoal que ten á súa vez os seus propios estereotipos. O primeiro encontro analóxico cunha persoa pode facer resoas experiencias previas ou pode desencadear expectativas futuras, pero con todo o desexo, vívese coma unha emoción cara ao outro. No lugar de desexar a (estar con, deitarse con) alguén, as eleccións dixitais permiten desexar unha relación, botar un foguete, ter unha intimidade calquera. A abstracción do desexo conduce a un solipsismo amoroso que faría as delicias dun tipo coma Arthur Schopenhauer, non precisamente coñecido pola súa xenerosidade afectiva.

Porque, chegados a este punto, cómpre falar de filosofía alemá. Cómpre aludir ao seu anhelo polo Absoluto, polo infinito, o anhelo inesgotable que, na súa versión máis optimista (Nietzsche) non ofrece máis ca unha extenuante vitoria, posto que a conquista absoluta esixe un esforzo eterno. Conscientes dos límites da carne individual, satisfacer o anhelo total (sehnsucht, na lingua de Novalis) esíxenos unha promiscuidade que habería de ilusionar tanto a Arthur coma a Friedrich. Dende o sexo ata un longo chat vespertino, a intimidade ocorre de mil maneiras. Di a filósofa Remedios Zafra que agora hai historias de amor que nin sequera precisan do encontro físico entre os amantes. Achamos, ¡por fin!, a maneira de consumar o amor cortés sen macelar a espiritualidade. Se cadra fixen mal en dubidar das intencións de Martin, 27, xa que a diferenza entre chatear e foder non favorece necesariamente a segunda ou é directamente insignificante. Se Martin era un usuario competente, esa noite seguiu a procurar unha rapaza que lle puidera dar o que el quería. Outras veces, cando un ten un traballo un pouco menos precario ou acada certa idade, pregúntase se esta clase de intimidade é a relación de parella da que precisa.

3. SENSE AND SENSIBILITY

A resposta por defecto será un rotundo «non». Ollo, non por convencional será unha resposta falaz: a vida é máis cómoda xogada en equipos de dous (e máis pracenteira se os equipos son de tres, pero ese é outro asunto). Bótase de menos a confianza, a solidariedade, a lealdade, ó tempo que cadaquén descubriu xa o que necesita ou desexa do proxecto en común con outra persoa. Un aprendeu por que é máis cómodo compartir afeccións coa parella e tamén a non se asustar ante as diferenzas entre gustos. Con todo, o círculo social foise pechando, de modo que esta madurez sentimental a miúdo non ten ninguén a quen se dedicar. Pero non hai nada tan eficiente coma Internet para xuntar xente cunha interese común.

Este interese común pode ser unha actividade sexual concreta ou un modo de relación afectiva, sexan estas prácticas consideradas marxinais (o poliamor, por exemplo) ou convencionais. A tecnoloxía facilita explorar vías alternativas ás experiencias afectivo-sexuais tradicionais, por suposto, pero estas últimas tamén se ven transformadas. Os cuestionarios de axencias coma Meetic ou eDarling reflicten o ideal monógamo. Cinco fotos xa non son unha presentación abonda e é posible especificar nun alto grao que se está a procurar. Esíxese ademais unha cota monetaria porque o patrimonio é parente próximo do matrimonio, aínda que para se asegurar unha parella con ética do traballo hai quen emprega LinkedIn para conseguir parella. No plano espiritual, fálase de compatibilidade de carácteres, unha expresión que podería saír dun manual sentimental de 1800 e a chispa (a conexión, a química, o eu-que-sei ou o que-sei-eu) provócase no contexto de actividades de grupo coma un curso de cociña. A parella é para quen a traballa, o namoramento vén despois. Revistas, medios de comunicación, filmes e series desconfían da atracción como base das relacións e reivindican o valor máis racional de conxeniar ou coidar. A monogamia vaise desprendendo do amor romántico. A institución social é, de maneira explícita, anterior ao sentimento amoroso.

Así que, podemos dicir que procuramos xente para: compartir unha cea, unha afección sexual ou unha relación afectiva do tipo que sexa. Unha vez que formulamos a necesidade, Internet resólvea con eficiencia. O desexo, imprevisible e polimorfo, disgrégase en varias aplicacións, especialízase nas funcións adecuadas para cada usuario. A informática require categorías e etiquetas, por iso non nos achega a un futuro de libertinaxe, senón a institucionalizar toda fantasía. Ao formular unha necesidade, estamos a sinalar unha praza vacante na nosa vida. Temos libre o posto de amante, de cónxuxe, de namorado, e deixamos entrar a alguén novo se funciona ben no seu papel. Dos sentimentos, subliñamos o seu carácter temporal, pasaxeiro; así que (tamén eles) se converten en precarios. O amor, ao igual que o contrato indefinido, vén despois das prácticas: nas madrugadas misántropas aprendemos, unha vez máis, que os individuos se fan substituíbles. 

Artículos relacionados