Quen somos

Istmos naceu no medio dunha estrada, nunha viaxe de ida e volta. Pensouse, estudouse, discutiuse en máis dun piso compartido de Madrid, en moitos bares de Barcelona. Será lida en castelán, en català, en galego e en éuskaro, será traducida ás linguas de todos os que hoxe formamos este mar de sentimentos que, quen sabe por qué, se foi chamar España. Será creada e vivida por todas aquelas persoas que cremos noutro significado da vida e que queremos crear un espazo no que definilo e experimentalo. Isto incúmbenos a todos os que, máis aló de ideoloxías, patrias, bandeiras, territorios ou relixións soñamos con transformar o noso entorno a través da nosa propia transformación.


Para elo, agardamos que co paso do tempo vaian tendo cabida nas nosas páxinas temas relativos ás vivencias, reflexións, críticas, proxectos e soños de todos aqueles que ocupamos este anaco de terra, dándonos o suficiente impulso para sobrevoar toda a nosa xeografía, dende a máis visible e coñecida, ata a máis acochada. En definitiva, pretendemos crear un espazo que aglutine visións, experiencias e sentimentos de todo aquel que queira contribuír a crear e partillar) unha visión común, así como a por fin a un presente difícil de aturar e a materializar un futuro que debemos facer que comece hoxe.


Istmos –linguas de terra que unen dous continentes ou unha península cun continente– reconstruirá as pontes que tratan de nos bombardear a diario eses que se empeñan en empequenecer as nosas grandes vivencias comúns, as nosas linguas -iguais entre elas a pesares das diferenzas- as nosas culturas, esas que non saen nos libros de texto que todos esculcamos na nosa infancia.

Istmos será una revista dixital, e chamarémola revista aínda que non teña aparencia física dela, non será publicación nin web nin moito menos un diario. Fuxiremos das présas, do falar de todo sen ter nin idea de nada, correremos na dirección contraria ás dinámicas maioritarias do mundo da información. Seremos verbas plasmadas en páxinas, pero iremos máis aló: seremos lugares de reunión, crearemos momentos e vivencias, partillaremos sentimentos e esperamos materializar reflexiónse sensacións.


Faremos xornalismo feito por persoas que crendo no común teñen algo que dicir pero, sobre todo, teñen ganas de que outros individuos teñan a mesma vontade de contar. Buscaremos colaboradores, abriremos as nosas páxinas a todos os que se vexan cargados de ilusión para aportar algo contrario á negatividade, ao pesimismo, á quietude dos tempos que nos viñeron tocar.

Engadiremos, sumaremos, instaremos, crearemos, cooperaremos. O branco verémolo dende o negro, ao de arriba mirarémolo dende abaixo e ao de abaixo dende abaixo. Meteremos os fociños en vidas alleas, espreitaremos en grupos sociais, grupos de música, conservatorios, bibliotecas, bares e prostíbulos.


Abrangueremos o abranguible en cada momento, en cada día que Istmos consiga existir coa mesma paixón coa que agroma e cando esta desapareza así o fará Istmos. Seremos cando esteamos na crista, e non nos perpetuaremos no baleiro da apatía.

Pretendemos ser o xermolo de moito máis que palabras, historias alleas, reportaxes ou entrevistas, queremos tecer unha rede de contactos -non de emails mais de discusións a altas horas do albor-, queremos ser o trampolín de tantas outras cousas que aínda non fomos quen de distinguir na nebulosa das arelas por iniciar un proxecto común, sincero, sen pretensións nin cobizas máis aló que a de ser, estar no agora e cos nosos.

Intentaremos non caer en erros do pasado, que de ser repetitivos o sexamos en bos termos, nunca na crítica núa de construcción, no dano de balde e a prepotencia da palabra. Cando caiamos nos erros do pasado e lle deamos á mesma pedra xa esnaquizada por tanta patada, quereremos pedir perdón, analizar o erro e aprender do proceso.

Istmos será un lugar de encontro de tantas cousas diferentes ás voltas opostas, que aparentemente se rouban aínda que quizais se complementen. De puntos de vista, ideoloxías sentimentais, amizades políticas, historias deixadas á súa sorte, a nosa sorte deixada á súa sorte.

Fuxindo da dinámica actual, Istmos non terá ánimo de lucro. Da mesma forma, non se pagará a quenes queiran e decidan dar o seu tempo en calquera forma á revista. Istmos non será un proxecto con obxectivos económicos senón vitais, co único propósito de atopar un lugar no que moitos poidan sentirse cómodos para ler, escribir, pensar, partillar, discutir e divagar.


Benvidos a Istmos, á estreita faixa que une, saltando mares, deixando de lado tempestades pero sen obviar furacáns e remuíños de area. Ogallá se unan a esta grande viaxe que día a día comeza e se renova.