WhatsApp e pornografía

Son un home e emprego WhatsApp. Ás veces dubido da primera afirmación. Nunca da segunda. Porque usar Whatsapp é consustancial á subespecie humana-occidental-partícipe-da- economía-de-consumo. O de ser home non, menos mal. Home e WhatsApp son dous conceptos que, relacionados, nos conducen á “memeficación” sexual, isto é, a viralización de chistes ilustrados con montaxes fotográficas de carácter sexual, alimento de cuñados nas conversas grupais. Participo en grupos de WhatsApp masculinos que son unha auténtica bacanal de imaxes e vídeos pornográficos. Seguro que hai estudos científicos que explican o motivo fundamental que nos impulsa a compartir e descargar vídeos sexuais, aínda que sinceramente non lin nin busquei ningún porque ofrezo a miña visión persoal do asunto, é dicir, a perspectiva dun home que recibiu moitos megas de material erótico. Ademáis, a maioría dos científicos que coñezo traballan no Burger King e non teñen tempo para entrevistas. Espero que vos conformedes coa miña visión, que é unha visión sesgada por particular, endogámica e miope.

A vida é cuestión de etapas. Nacín analóxico e vivo dixital, así que o meu primeiro contacto coa iconografía sexual foron os calendarios promocionais que os meus amigos substraían das carteiras dos seus pais. Eran outros tempos e os empresarios da construcción (hormigón, carpintaría industrial, azulexería) fidelizaban aos seus clientes regalándolles estampas de féminas núas. Aínda lembro cando un bo amigo me regalou a imaxe dunha muller morena de estética oitenteira, turxentes peitos e mirada felina que me serviu de inspiración durante todo un verán. Mentras outros púberes intercambiaban cromos de Batistuta ou Iván Campo, os meus amigos máis eu compilabamos un auténtico santoral pagano de efixies en pelotas. Fomos fieis devotos de peitos e sexos. Aprendemos as nocións de anatomía que o noso colexio reservaba para a última unidade do libro de ciencias naturais onde resultaba complicado diferenciar penes, vulvas, ovarios e testículos da casquería exposta no catálogo do charcuteiro. Pero cometimos o erro fatal de bautizar ás modelos das fotografías e cos nomes chegaron os ciúmes e as disputas, ata que disolvemos aquela irmandade porque cada un de nós namorárase dunha estampa diferente. Tempos de caspa.

Quince anos despois esas cofradías masculinas, apoloxetas da masturbación coral, denomínanse «Despedida de solteiro de Javi o Tarado» ou «Fútbol 7: te peto el Álvaro Ojeda» ou «Festival desfase» ou «Fin de semana de tíos» e son, efectivamente, grupos de WhatsApp. Os nenos que fai corenta anos visionaban as primeiras temporadas de Saber y Ganar coa esperanza de que o documental de La 2 transportara ao espectador ás exóticas terras de África para maravillarse coa contemplación dos peitos flácidos e estriados das matriarcas zulúes, son hoxe consumidores/distribuidores compulsivos de contidos pornográficos que comparten con certo afán democratizador. A diferencia é a despersonalización. Á marxe da memoria do teléfono móbil, ninguén lembra os referentes dunha fotografía ou un vídeo quente. Sirva como excepción confirmadora da regra o afamado negro do WhatsApp, cuxo membro elefantino despertou admiración, receo e incluso pena -que sempre hai quen considera unha pena o exceso de pene-.

Nunca chove a gusto de todos, a pesares de que o squirting é posiblemente un dos subxéneros máis afamados entre todos os meus compañeiros. De feito, os membros do grupo «Pelotaris Mortos» mantivemos un acalorado debate pseudocientífico sobre a procedencia de semellante turbión de fluídos ata que determinamos que o squirting non emana en ningún caso da vaxina nin moito menos da zona perineal –como suxeriu un dos meus amigos, virxe á idade de 30 anos para máis sinais—; nin por suposto xorde do ano como anhelaba outro dos meus colegas –que é coprófago, subscriptor do youtuber Dalas Review e votante do Partido Popular, é dicir, coprófago ao cubo—; xa que o squirting brota da vexiga urinaria feminina impelido pola potencia do orgasmo. Durante a discusión, os líderes de opinión de cada unha das faccións implicadas (facción vaxinal, facción perineal, facción anal e facción uretral), aportamos fotografías, vídeos e esquemas recompilados de internet. Visionamos unha producción estadounidense na que unha muller era taladrada por unha máquina folladora que lle provocaba un orgasmo tras doutro. A máquina parecía un potro de tortura coa particularidade de que os obxectos punzantes eran, nesta versión, falos de plástico tamaño negro do WhatsApp de punta roma. Un home enmascarado, vestido con coiro, manexaba o artiluxio a control remoto coma se aquela máquina fora unha extensión do seu corpo. O apéndice percutor taladrou o sexo da muller ata o décimo éxtase, que foi celebrado coa expulsión dun poderoso chorro que salpicou a cámara. Eu mesmo aportei outra gravación realizada nunha conferencia divulgativa con público real que tomaba apuntes de todo o que dicía unha experta en squirting, quen explicou uns cantos detalles sobre fisioloxía básica antes de comezar a masturbarse con tanto criterio que se correu coma unha asceta mística en menos dun minuto. Non foi casualidade que eu compartira aquel vídeo dun orgasmo precoz. Era a miña maneira de confesarlle aos meus amigos o problema de forma implícita. Ninguén atendeu a miña sutil petición de auxilio. A conclusión –regresando ao fío argumental— é que foron dúas semanas de squirting intensivo ata que nos aburrimos e atopamos outro subxénero. O grupo dos «Pelotaris Mortos» continúa activo pero ninguén fala.

Por sorte teño moitos amigos, pero desgraciadamente os meus amigos teñen gustos sexuais moi variopintos e encántalles compartilos: bukkake, gangbang, creampie, milf, sado, pishing, etc. Os portais de pornografía convertíronse nunha sorte de catálogo de Ikea e, por extensión, cada usuario amobla a memoria do seu teléfono móbil cos seus materiais preferidos. O problema son as víctimas. Aqueles que non queren consumir tanto sexo pero reciben notificacións a diario. A nosa sociedade alcanzou un grado de hipersexualización tan brutal que aqueles que envían vídeos de coitos tradicionais ou tríos son tachados de cursis polos demáis compoñentes do grupo. Chegados a este punto convén destacar a importancia do xénero freak, un híbrido que combina á perfección as aberracións sexuais e outras rarezas polo estilo. Son vídeos tolos. A día de hoxe son os contidos preferidos de «Pelotaris Mortos». A maioría destas produccións son caseiras e os seus protagonistas merecerían estampar o seu selo no paseo da fama de calquera capital provinciana. Todos temos sido víctimas do amigo depravado que atopa todo tipo de perversións e as distribúe con alegría despois de desexarche un día marabilloso. Estes especimes madrugan moito ou son os últimos en deitarse, de xeito que os demáis despertan coa visión dun fenómeno da natureza fornicando coma se non houbera un mañá.

Outra tipoloxía de vídeos transferidos son os opúsculos amateurs gravados na intimidade dunha relación sexual, é dicir, moza e mozo, en confianza, follan e gravan. Polo xeral, moza realiza felación e mozo grava; ou ben moza cabalga e mozo grava; ou ben mozo e moza, urxidos pola paixón, manteñen relacións sexuais en baños, parques ou praias e un terceiro grava; ou ben moza mastúrbase e grava; ou baila sexy e grava... e así ata o infinito pois as fórmulas da pornografía amateur son innumerables. Precisamente a etiqueta amateur -co aliciente de imaxe publicada sen consentimento- conleva un puntiño de humillación e morbo que converte a algúns usuarios de Whatsapp en verdadeiros pistoleiros do compartir, compartir, compartir.

E chegados a este punto abandono ao personaxe que che narrou a historia. Derribo a cuarta parede, así que abonda o cuñadismo. A pornografía como sector audiovisual non encerra ningún mal, sempre e cando as traballadoras e traballadores desempeñen o seu traballo nunhas condicións laborais dignas. Pero hai unha realidade subxacente que a min, particularmente, me resulta aterradora. Fai tempo desactivei a opción de WhatsApp que descarga os vídeos automáticamente porque entendín o alcance do problema. Non me malinterpretes. Non son un beato. Non me incomoda nin me asusta nin me repugna o sexo, pero sí o emprego da muller como un obxecto manipulable ao servizo do desfogue masculino, triste realidade na maioría dos vídeos transferidos a través de mensaxería. Son contidos precarios que simplemente presentan unha situación que, por norma xeral, humilla ao sexo feminino; así que cabería preguntar ónde se produciron, en qué circunstancias e cales foron as condicións do contrato, se o houbo. Preocúpame que exista unha relación contractual porque moitos dos materiais audiovisuais que se viralizaron foron filmados sen consentimento ou pertencen ao fúnebre subxénero dos ”vídeos de vinganza” nos que un home publica imaxes íntimas da súa ex para castigala por rematar a relación. Existe unha tendencia nefasta a culpabilizar ás víctimas. Case podo escoitar ao cuñado: «Que non se deixaran gravar». Descoñecemos a identidade das persoas que aparecen, de repente, nos nosos teléfonos móbiles. Vemos o vídeo, esquecémolo e, chegado o día, borrámolo, pero realmente non sabemos que hai detrás dese material, e quizáis deberiamos plantexarnos realmente se non estamos contribuíndo, de xeito pasivo, ao linchamento dixital de persoas que foron utilizadas. A sobreinformación é a censura da nosa época. Se non podemos lembralo, nin sequera existiu. Quizáis chegara o momento de plantexarnos qué ocorre trala pantalla cando compartimos calquera tipo de publicación. Pero esa é xa outra historia.

Artículos relacionados